venres, 31 Outubro, 2025 - 19:30
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na Xornada de Innovación en Industria celebrada na Casa das Máquinas de Santiago, no marco da XI edición da Maker Faire Galicia
- Destaca a consolidación de Galicia como a unha das rexións máis innovadora de España, con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras e un crecemento do 26 % respecto ao ano anterior
- Pon en valor un ecosistema galego de innovación e emprendemento, que combina talento, sustentabilidade e dixitalización, apoiado pola rede de aceleradoras e a Oficina Económica de Galicia
- Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na Xornada de Innovación en Industria, celebrada na Casa das Máquinas de Santiago no marco da XI edición da Maker Faire Galicia, un encontro que se ten consolidado como a feira maker máis importante do sur de Europa. No acto, Toca salientou o papel da innovación, da creatividade e da tecnoloxía como “as mellores ferramentas para avanzar cara a unha industria máis competitiva, sostible e comprometida coas persoas”.
- A directora destacou que Galicia está a dar pasos firmes no ámbito da innovación, situándose nunha posición ascendente no Regional Innovation Scoreboard 2025 da Comisión Europea, cunha mellora do 16,7 % no seu rendemento desde 2020, por riba da media española e europea. Subliñou que este avance é froito dun esforzo colectivo entre administracións, universidades e empresas, que están a colocar a innovación no centro do desenvolvemento económico de Galicia.
- Tamén puxo en valor o forte impulso do emprendemento innovador, cun ecosistema cada vez máis sólido e dinámico. Galicia conta xa con 388 empresas tecnolóxicas e innovadoras, un 26 % máis que o ano anterior, das cales 229 son startups. Estas compañías xeran emprego cualificado e investimento, demostrando que en Galicia hai talento, colaboración e capacidade para converter as ideas en solucións con impacto real.
- Neste contexto, Toca Carús lembrou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, acompaña ese esforzo con programas específicos, como as aceleradoras sectoriais BFAuto, BFAero, BFFood, BFClimaTech e BFSport, ás que se suman ViaGalicia -en colaboración coa Zona Franca de Vigo- e as novas aceleradoras en saúde e enerxías renovables que se poñerán en marcha antes de que finalice o ano.
- Ademais, o Igape lanzou recentemente unha nova convocatoria de axudas para apoiar os gastos iniciais de proxectos innovadores, mentres que a Oficina Económica de Galicia ofrece acompañamento e orientación a emprendedores e empresas. “Contamos cun modelo sólido e coordinado que apoia os proxectos desde a idea ata a internacionalización”, sinalou.
- A intelixencia artificial, motor da nova industria
- A directora do Igape salientou o papel da intelixencia artificial como motor da nova industria, unha tecnoloxía que xa é unha realidade capaz de redefinir procesos e crear novas oportunidades. Segundo a Fundación Cotec, o uso da IA nas empresas medrou de forma significativa, mellorando tamén os seus niveis de produtividade. Toca subliñou que Galicia está preparada para aproveitar esta oportunidade, grazas ao traballo dos centros tecnolóxicos, das universidades e dun tecido empresarial cada vez máis dixital e competitivo, e destacou que a comunidade conta co talento e os recursos necesarios para liderar unha industria máis intelixente, sostible e humana.
Categoría:

