martes, 30 Decembro, 2025 - 19:15
- Salienta que esta empresa contribúe a facer da comunidade un referente no sector aeroespacial e da defensa
- Destaca a aposta deste grupo familiar que representa “a vangarda empresarial que innova para facer Galicia Calidade”
- Recorda que Galicia aprobou no verán a primeira Iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo de Galicia que contará cun investimento público de 183 M€ ata 2030
- Nigrán (Pontevedra), 30 de decembro de 2025
- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor o papel de empresas como Delta Vigo á hora de apostar pola innovación e consolidar a I+G+i, é dicir, a investigación feita en Galicia. “Todo o que están a facer as universidades, os centros de excelencia e empresas punteiras como Delta investindo en innovación e investigación é o futuro”, indicou para asegurar que “cada vez se fai máis I+G+i da que queremos presumir e tamén potenciar”.
- Así o sinalou esta mañá tras unha reunión co equipo directivo do grupo na que lle presentaron os seus futuros proxectos, e logo de visitar as obras da nova planta que están construíndo en Nigrán. Alí, acompañado da conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, eloxiou a traxectoria desta empresa familiar con capital 100% español. “É de agradecer -sinalou- que unha empresa que exporta o 90% dos produtos a todo o mundo, produtos de tanta complexidade e calidade, manteña esa raíz galega” e aposte por seguir medrando desde Galicia.
- Rueda fixo especial fincapé na aposta de Delta Vigo pola I+G+i, a innovación galega, e cualificou ao grupo como un representante da marca Galicia Calidade pola súa relevancia a nivel económico e produtivo, así como pola súa presenza internacional. “Grazas por formar parte da vangarda empresarial que innova para facer Galicia Calidade”, indicou.
- O presidente asegurou que compañías como esta contribúen a situar a Galicia como un referente no sector aeroespacial e da defensa. Rueda salientou a importancia de estar preparados "en algo tan punteiro” coma “a tecnoloxía de navegación aérea, o ferrocarril do futuro ou a defensa” pola “enorme vantaxe” que supón para os territorios no actual contexto global.
- Durante a súa intervención, reafirmou o compromiso da Xunta con todas as empresas que xeran riqueza e emprego en Galicia, ás que a administración autonómica apoia a través de diferentes recursos e liñas de financiamento.
- Neste marco de colaboración inscribiu, entre outras medidas, a primeira Iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo de Galicia que se aprobou este verán. Contará cun investimento público de 183 millóns de euros ata 2030, o que permitirá mobilizar 900 millóns de euros.
Categoría:

