Aerocámaras recibe apoio da Xunta de Galicia para o impulso do seu negocio internacional

martes, 20 Decembro, 2022 - 13:45

A Xunta de Galicia apoiará á empresa Aerocámaras para avanzar no seu plan de crecemento nacional e internacional, cun investimento comprometido ata un máximo de 850.000 euros. Será través de Sodiga Galicia, entidade xestionada por parte de XesGalicia e dentro das actuacións do Plan estratéxico do Polo aeroespacial de Galicia. Dito investimento únese á axuda ofrecida a Aerocámaras por parte de Nexxus Iberia (a través do seu fondo Nexxus Iberia Private Equity Fund I).

Fundada en 2007 en Lalín (Pontevedra), Aerocámaras é unha empresa de referencia no sector dos drons en España, así como pioneira en desenvolvemento, formación, vendas, xestión aeronáutica e servizos profesionais con vehículos aéreos non tripulados.

Ademais é a primeira escola en formación en Europa con máis de 35.000 alumnos certificados, 40 centros oficiais repartidos pola península ibérica, convenios coas mellores universidades de España e instrutores con máis de 25.000 horas de voo. A compañía ofrece formación oficial de piloto profesional de drons e cursos de especialidade enfocados a aplicacións en diferentes sectores (servizos de emerxencia, agricultura, aeroxeradores, infraestruturas, seguridade, produción audiovisual e loxística, entre outras).

A compañía galega tamén ofrece unha crecente carteira de servizos industriais, servizos de xestión aeronáutica, de I+D en desenvolvemento de aeronaves non tripuladas e de creación de software especializados, entre outros. Un dos puntos de diferenciación de Aerocámaras é o dron híbrido AeroHyb, unha aeronave non tripulada con ata sete horas de autonomía deseñada para traballos profesionais como inspeccións técnicas, emerxencias, seguridade, topografía, agricultura de precisión ou audiovisual. 

Dentro da súa oferta de servizos con drons destaca a súa aposta pola loxística marítima a través das compañías “Drons Maritime” (joint venture con Peninsula Petroleum), orientada á loxística marítima para buques mercantes, e “Drone to Yacht”, orientada á loxística marítima para embarcacións de recreo.

A empresa, que xa está presente en España e Portugal, iniciou o seu proceso de expansión internacional a través da adquisición doutras compañías do sector en EEUU e Latinoamérica. Actualmente, traballa en diferentes países de Europa, África e Latinoamérica, e ten clientes como Repsol, Abertis, Acciona, Bayer ou Gamesa. Ademais, participou na segunda edición do programa de emprendemento Business Factory Aero (BFAero), desenvolvendo un sistema novo que permite utilizar as posibilidades que ofrecen os drons na loita contra a avespa asiática.

Con esta operación a Xunta segue amosando o seu compromiso co sector aeroespacial, evidenciado no Plan Estratéxico 2021-2025 do Polo Aeroespacial, estratexia reforzada recentemente coa incorporación de empresas coma Airbus, Babcock ou Telespazio, como novos socios estratéxicos e tecnolóxicos. Contando con esta adxudicación estase mobilizando xa máis do 60% (333,6M€) do investimento público-privado previsto no Plan estratéxico.

Sobre XesGalicia

XesGalicia é o brazo investidor de capital risco da Xunta de Galicia, ofrecendo apoio financeiro mediante capital ou préstamos. XesGalicia inviste a través de 4 vehículos especializados, que contan cun capital superior aos 200 millóns de euros. 

Desde hai 50 anos, os investimentos de Sodiga Galicia (entidade xestionada por XesGalicia) diríxense a empresas con alto potencial de crecemento, xestionadas por empresarios de recoñecida solvencia profesional e que teñan relación co desenvolvemento e consolidación da economía e industria de Galicia.

 

Categoría: