A Xunta reivindica a colaboración entre empresas tractoras e startups como motor da innovación galega

venres, 21 Novembro, 2025 - 13:45
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na inauguración da xornada “Conecta Empresas” onde puxo en valor que Galicia está a “afianzar unha cultura colaborativa cada vez máis sólida”
  • Destaca o avance da Comunidade no seu ecosistema innovador, cunha estrutura en crecemento que suma máis de 400 empresas tecnolóxicas, preto de 3.000 empregos cualificados e unha facturación que supera os 290 millóns de euros
  • Lembrou que este progreso responde á aposta sostida da Xunta por reforzar a innovación, a dixitalización, a internacionalización e a sustentabilidade do tecido empresarial
  • Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na apertura da xornada Conecta Empresas, onde puxo en valor a importancia de impulsar espazos que faciliten a conexión, o diálogo e a xeración de proxectos innovadores entre empresas tractoras e iniciativas emprendedoras emerxentes.
  • Toca Carús destacou que Galicia está a consolidar unha cultura colaborativa na que as empresas tractoras achegan experiencia, mentres que as startups engaden creatividade, axilidade e novas visións tecnolóxicas. Agradeceu tamén o labor de Startup Galicia por fortalecer a comunidade innovadora, así como o compromiso das empresas e das startups participantes, que permiten activar novas oportunidades de innovación aberta.
  • A directora lembrou que o avance de Galicia na innovación está avalado por indicadores sólidos. O Regional Innovation Scoreboard da Comisión Europea sitúa Galicia como a sexta comunidade española en innovación, próxima ao grupo de rexións consideradas fortes, e destaca a base universitaria, o nivel de formación superior, a conectividade dixital e o progreso en sustentabilidade ambiental.
  • Así mesmo, o informe Empresas Tech e Innovadoras de El Referente, actualizado a outubro de 2025, confirma que Galicia continúa sendo un dos ecosistemas máis dinámicos do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, case 3.000 empregos cualificados e unha facturación superior aos 290 millóns de euros.
  • Toca Carús insistiu en que este avance é froito dunha estratexia sostida da Xunta, apoiada en iniciativas como o programa IA360 —con máis de 15 millóns de euros para impulsar intelixencia artificial e tecnoloxías avanzadas nas pemes—, a rede de Antenas do Igape no exterior, que acompaña ás empresas na súa internacionalización, ou a rede de Business Factories, que ofrecen ás startups un entorno estable para testar solucións, captar clientes e atraer investimento.
  • Ademais, destacou o papel da Oficina Económica de Galicia, que centraliza información e asesoramento para que ningún proxecto quede sen apoio. A directora concluíu animando ás empresas e startups a seguir xerando sinerxías: “En Galicia estamos a construír unha verdadeira cultura compartida de innovación, na que cada axente cumpre un papel esencial para avanzar como territorio competitivo e innovador”.
Categoría: