A Xunta destaca o papel da Business Factory Sport como motor de innovación, emprendemento e emprego no ámbito do deporte e o benestar

xoves, 15 Xaneiro, 2026 - 18:30
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do ‘Startup Day Incubación’ desta aceleradora, onde puxo en valor o ecosistema galego de innovación e o modelo de apoio ao emprendemento impulsado pola Xunta
  • Subliña que esta iniciativa ofrece acompañamento integral aos proxectos emprendedores, con mentorización especializada e apoio financeiro
  • Destaca que a Business Factory Sport intégrase na rede galega de aceleradoras sectoriais, un modelo baseado na colaboración público-privada que xa ten impulsado máis de 830 proxectos innovadores, xerando máis de 1.400 empregos cualificados
  • Lembra que o esforzo galego en I+D se sitúa xa arredor do 1,3 % do PIB e que Galicia se consolidou como o sexto ecosistema máis dinámico do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas e preto de 3.000 empregos xerados

 

  • Vigo, 15 de xaneiro de 2026
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración do ‘Startup Day Incubación’ da Bussiner Factory Sport (BFSport), onde puxo en valor o papel desta aceleradora como ferramenta estratéxica para impulsar o emprendemento innovador no ámbito do deporte e do benestar.
  • Durante o acto, celebrado no Real Club Náutico de Vigo, Toca Carús destacou que Galicia vive “un momento especialmente favorable para a innovación”, cun ecosistema “diverso, equilibrado e en crecemento”, no que a innovación se estende a todo o territorio e a múltiples sectores.
  • Neste sentido, lembrou que o esforzo galego en I+D se sitúa xa arredor do 1,3 % do PIB e que Galicia se consolidou como o sexto ecosistema máis dinámico do Estado, con máis de 400 empresas tecnolóxicas, preto de 3.000 empregos xerados e unha facturación superior aos 290 millóns de euros.
  • A directora do Igape subliñou que estes resultados responden a unha estratexia clara da Xunta baseada “na colaboración público-privada, na especialización por sectores e no acompañamento continuo aos emprendedores e ás empresas”, unha visión da que nace precisamente a Business Factory Sport.
  • Neste contexto, Toca Carús puxo en valor o deporte e o benestar como un sector estratéxico, con capacidade para xerar innovación, industria e emprego de calidade. “Son saúde, tecnoloxía, industria e economía, pero tamén unha oportunidade real para crear empresas innovadoras, con vocación de crecemento e internacionalización”, afirmou.
  • O modelo galego
  • A Business Factory Sport intégrase no modelo galego de Business Factories, unha rede de aceleradoras sectoriais que converteu Galicia nun referente en innovación aplicada e colaboración público-privada, con iniciativas consolidadas en ámbitos como a automoción (BFAuto), o aeroespacial (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a sustentabilidade (BF ClimaTech) ou o emprendemento transversal (VíaGalicia).
  • Toca Carús destacou tamén o respaldo financeiro e operativo que ofrece o programa aos proxectos participantes. Desde o Igape, a Xunta cofinancia o 80 % dos custos operativos da aceleradora, permitindo aos equipos centrarse no desenvolvemento do produto, a validación do modelo de negocio e a súa saída ao mercado. A este apoio súmase o papel de XesGalicia, que reforza o acompañamento financeiro nas fases posteriores de crecemento e consolidación.
  • En referencia aos proxectos presentados durante a xornada, sinalou que son “unha moi boa mostra deste enfoque e deste ecosistema”, con iniciativas orientadas ao mercado, cun forte compoñente innovador e ambición de crecer desde Galicia.
  • A responsable do Igape concluíu lembrando que a Business Factory Sport é “unha aposta a longo prazo por Galicia: polo noso talento, pola innovación e polo futuro do deporte e do benestar na nosa terra”.
Categoría: