martes, 14 Abril, 2026 - 18:00
- A directora do Igape, Covadonga Toca, subliña que Galicia conta xa con máis de 40 empresas aeroespaciais, 1.700 empregos directos e unha facturación superior aos 165 millóns de euros
- Salienta a posta en marcha da Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA), que prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento
- Destaca o papel clave das pemes para consolidar e ampliar a cadea de valor, así como a necesidade de transformar a innovación en actividade industrial
- Pon en valor o Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia como ferramenta para anticipar retos e oportunidades do sector
- Vigo, 14 de abril de 2026
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na clausura da Asemblea Xeral Ordinaria do Consorcio Aeroespacial Galego (CAG), onde puxo en valor o crecemento experimentado polo sector nos últimos anos e reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co seu impulso como un dos eixos estratéxicos da economía galega.
- Durante a súa intervención, Toca destacou a evolución “extraordinaria” da industria aeroespacial en Galicia, que pasou de contar cunha presenza moi limitada hai apenas quince anos a integrar hoxe máis de 40 empresas activas, con participación en proxectos internacionais de enxeñaría, fabricación avanzada e desenvolvemento tecnolóxico. Este ecosistema xera xa máis de 1.700 empregos directos e supera os 165 millóns de euros de facturación, con previsións de crecemento a curto prazo.
- No actual contexto xeopolítico e tecnolóxico, Toca subliñou que os sectores aeroespacial, de seguridade e defensa están chamados a desempeñar un papel central nas políticas europeas e nacionais, nun escenario que cualificou de “cambio estrutural”.
- Neste marco, lembrou a posta en marcha da Iniciativa Estratéxica en Aeroespazo, Seguridade e Defensa (IESDA) 2025-2030, impulsada pola Xunta de Galicia co obxectivo de converter estes ámbitos nunha panca clave de crecemento económico. A estratexia prevé mobilizar preto de 900 millóns de euros en investimento nos vindeiros anos e céntrase en impulsar o crecemento empresarial, atraer investimentos e reforzar as capacidades tecnolóxicas e produtivas do territorio.
- Ademais, avanzou que esta iniciativa xa está en execución, con actuacións como o desenvolvemento de proxectos estratéxicos, o apoio a certificacións en defensa, ou programas de formación especializada.
- Coñecemento e visión estratéxica para o sector
- A directora do Igape tamén destacou o papel do Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia, impulsado en colaboración co CAG, como ferramenta clave para analizar a evolución do sector, identificar oportunidades e facilitar información estratéxica ás empresas para a toma de decisións. Segundo indicou, este instrumento permitirá consolidar a Galicia non só como referente industrial, senón tamén como xerador de coñecemento e visión estratéxica no ámbito aeroespacial.
- A directora do Igape destacou que o principal reto do sector pasa por “converter a innovación en industria”, transformando o coñecemento xerado en produtos, procesos e solucións con impacto real no mercado. Para iso, lembrou que o Igape traballa cunha visión integral que inclúe o acceso a financiamento, o apoio á industrialización, o impulso á internacionalización e o acompañamento das pemes nos seus procesos de transformación e escalado.
Categoría:

