A Xunta destaca a colaboración entre sector público, empresarial e social como chave para impulsar a competitividade de Galicia en 2026

xoves, 4 Decembro, 2025 - 18:30

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no encontro empresarial “Voces que inspiran”, onde puxo en valor a alianza entre administración, empresas e cidadanía como clave para afrontar os retos económicos do vindeiro ano

Subliña que Galicia está a consolidar o seu avance en innovación, internacionalización, sustentabilidade e IA, cun tecido empresarial “máis preparado, resolutivo e orientado ao futuro”

A xornada, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia, reuniu a directivas referentes dos sectores industrial, tecnolóxico, financeiro e xurídico para analizar os desafíos de 2025 e as oportunidades estratéxicas de 2026

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
 
A Xunta de Galicia salientou hoxe que a colaboración entre sector público, empresarial e social, xunto co impulso das políticas de innovación e competitividade, serán factores clave para o crecemento económico do vindeiro ano. Así o apuntou a directora do Igape, Covadonga Toca, no Keynote Empresarial “Voces que inspiran”, organizado pola CEG en Santiago co patrocinio de ABANCA, un encontro destinado a compartir experiencias e visión estratéxica entre líderes empresariais galegas.
 
Toca destacou que Galicia pecha 2025 cun ecosistema económico máis sólido, froito do compromiso conxunto entre administración, empresas e cidadanía. Subliñou que o ano foi decisivo para a transformación industrial e tecnolóxica, grazas ao avance da automatización, da dixitalización e das enerxías renovables, así como á importancia do binomio industria-enerxía para atraer novos proxectos.
 
Sinalou tamén o papel central do talento, destacando o esforzo das empresas na formación continua, na captación de perfís cualificados e na implantación de modelos de traballo máis flexibles. A isto súmase a crecente integración da intelixencia artificial nos procesos produtivos e de xestión, que xa está favorecendo a innovación e a optimización empresarial.
 
A directora do Igape puxo en valor a fortaleza da internacionalización, que mantivo a súa tendencia expansiva en 2025, e o avance en sustentabilidade e cumprimento ASG, factores que contribúen a mellorar tanto a eficiencia como a reputación das organizacións.
 
Cinco directivas analizan os retos e oportunidadesO encontro contou coa participación de cinco voces destacadas do ámbito empresarial galego —Sara Rodríguez (Hermasa), Olalla Cuiña (Inasus–Metaldeza–Eliper), Mercedes Toscano (Minimelis), Carmen Costas (Executivas de Galicia) e Isabel Álvarez (DPI Estratexia)— quen abordaron cuestións como a innovación, a IA, a sustentabilidade, a organización do traballo e os retos de futuro.
 
Toca Carús resaltou a traxectoria destas profesionais e afirmou que representan un tecido empresarial innovador, con visión global e un firme compromiso co desenvolvemento económico de Galicia.

Categoría: