- Contará cun respaldo financeiro de ata 2 millóns de euros para avanzar no seu plan de crecemento e de industrialización
A Xunta de Galicia apoiará ao grupo Efitrans Global Logistics -dedicado ao deseño de solucións innovadoras para a función loxística e a eficiencia enerxética- con ata 2M€ para avanzar no seu plan de crecemento e industrialización.
Efitrans, que participou na primeira edición da aceleradora de automoción Bussines Factory Auto (BFA) e foi galardoada con numerosos premios, foi elixida como unha das 20 mellores startups a nivel mundial polo Grupo Stellantis no ano 2017 e resultou gañadora mundial do premio á innovación por parte da alianza Renault-Nissan-Mitsubishi no ano 2018.
A compañía galega comercializa unha nova xeración de remolques para camións co obxectivo de optimizar custos e, ao mesmo tempo, reducir emisións de CO2. Dentro da oferta de produtos de Efitrans, destaca un vehículo polivalente que permite equilibrar os fluxos de transporte de automóbiles, evitando que os camións circulen baleiros e reducindo así custos e emisións de CO2, dado que permite transportar indistintamente tanto vehículos como carga xeral, así coma un vehículo de carga que permite incrementar a capacidade e a versatilidade no transporte de mercadorías, achegando unha tecnoloxía innovadora que permite adaptarse ao tamaño da carga e cargar tanto lateralmente como pola parte traseira.
A compañía contará cun respaldo financeiro a través de Sodiga Galicia, xestionada por parte de XesGalicia. Desta forma, o financiamento está vinculado directamente ao inicio da fase de industrialización dos produtos de Efitrans en Galicia, dado que os mesmos viñan sendo elaborados previamente por parte de provedores internacionais.
Con esta operación a Xunta segue amosando o seu compromiso co sector da función loxística, impulsado financeiramente tamén mediante liñas de axudas que pretenden impulsar proxectos que permitan reducir custos, prazos de entrega e impacto ambiental, así como mellorar a calidade do servizo a través da automatización e dixitalización dos procesos, a implantación da loxística inversa ou a aposta pola analítica de datos.