Rueda loa o talento e a innovación de Galicia ante o próximo lanzamento de OSSIE, o primeiro vehículo español que moverá satélites no espazo

venres, 17 Xullo, 2026 - 19:45
  • Subliña o “orgullo” que supón que este fito aeroespacial de vangarda internacional leve o selo Galicia Calidade e sitúe á comunidade como un referente tecnolóxico global
  • Destaca os 40 M€ que investirá o Goberno galego para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo a Galicia, a través da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en todo o país
  • Nigrán (Pontevedra), 17 de xullo de 2026
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe no parque tecnolóxico de Porto do Molle as instalacións de UARX Space, coincidindo coa inminente viaxe cara a California e posterior lanzamento do seu vehículo de transferencia orbital, OSSIE, deseñado e fabricado integramente nesta empresa de Nigrán. Un fito que cualificou como “un orgullo” e que levará a marca Galicia Calidade ao espazo, ao tempo que sitúa a España por primeira vez no selecto grupo de cinco países con capacidade para manobrar fóra da atmosfera.
  • “Antes parecía que había que irse a países moi afastados para facer as cousas difíciles, cousas que parecían ciencia ficción hai uns anos, e agora resulta que as facemos aquí e as mandamos a todo o mundo e mesmo ao espazo”, salientou.
  • Neste sentido, o presidente, que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou á compañía por converter o talento galego nun referente global que xa conta co recoñecemento de axencias de prestixio mundial como a NASA.
  • Así, conscientes de que os ámbitos aeroespacial, da seguridade e da defensa son estratéxicos para a internacionalización e a xeración de emprego de alta cualificación, Rueda reiterou o apoio da Xunta a estes sectores. Neste sentido, sinalou que a Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aeroespacio (IESDA) destinará 183 M€ en cinco anos co obxectivo de mobilizar máis de 900 M€ de capital público-privado, priorizando sempre que o desenvolvemento e a fabricación destas solucións queden no territorio.
  • Nesta liña de apoio continuado, o presidente autonómico subliñou que esta mesma semana o Consello autorizou 40 M€ para atraer grandes proxectos industriais de seguridade, defensa e aeroespazo a Galicia a través da Compra Pública Precomercial, unha medida pioneira en todo o país.
  • “O que pretendemos son dous obxectivos: que falemos de produtos que o mercado vai necesitar pero que aínda non ten e polo tanto hai que fabricalos, e que se fabriquen en Galicia”, explicou Rueda. Así, este programa impulsará de xeito directo proxectos de tecnoloxías duais —con aplicacións civís e de defensa— e un dos criterios relevantes á hora de seleccionalos é que aposten por fabricar os produtos na comunidade, favorecendo que o motor galego da innovación siga en marcha e atraendo novas oportunidades.
Categoría: