luns, 29 Decembro, 2025 - 19:00
- O investimento supón un incremento próximo ao 60% respecto ao escenario anterior para dotar ás empresas de alta tecnoloxía, atraer talento e proxectos tractores e crear espazos de experimentación
- “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día”, indica
- Resalta que o obxectivo é “incrementar nun 25% o número de empresas que innovan na comunidade “ e que o investimento privado neste eido “chegue aos 1.500 M€”
- A conselleira de Economía e Industria salienta que innovar permitirá avanzar cara “unha competitividade sostible e xerar emprego de calidade”
- Como parte da estratexia, a Xunta destinará en xaneiro 40 M€ en axudas coas liñas Industria Innova e IA 360
- O gasto en innovación empresarial en Galicia superou no 2024 en 17 puntos a media estatal, cun total de 1.073 M€, o que representa un incremento do 30% nun ano
- Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello acordou hoxe iniciar os trámites para a posta en marcha da primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 coa que se prevén mobilizar máis de 400 millóns de euros. O obxectivo é dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento económico da comunidade.
- Tal e como explicou o presidente, esta medida enmárcase na aposta da Xunta por fomentar a innovación entre as empresas galegas. “Se queremos un tecido produtivo moderno e competitivo, a innovación ten que formar parte indisoluble do seu día a día”, resaltou.
- Rueda sinalou que o obxectivo é aprobar a estratexia “no primeiro semestre de 2026” e, previamente, segundo explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, vanse celebrar encontros cos axentes sociais e as entidades do sector para recoller as súas achegas co fin de consolidar Galicia como unha fábrica de innovación capaz de transformar talento e coñecemento en solucións con impacto real na economía e na sociedade.
- En definitiva, trátase de converter a innovación nunha práctica cotiá do tecido empresarial galego e non nunha moda nin unha excepción. Para logralo, a Xunta vai buscar a implicación de empresas, centros de coñecemento, clústeres e as distintas administracións. “Queremos que se innove máis, se innove mellor e isto se traduza nunha competitividade sostible e emprego de calidade”, indicou a conselleira.
- Reforzar a cooperación público-privada incorporando as pemes aos procesos de transformación nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado é un dos propósitos da iniciativa, que estará moi centrada nas pemes, xa que, nun escenario tan globalizado, tecnolóxico e competitivo como o actual, a maioría das que non innoven están condenadas a desaparecer.
- Así, a folla de ruta 2026-2028 mobilizará “máis de 400 millóns de euros de fondos propios, cun incremento próximo ao 60% respecto do escenario previo”, segundo indicou Lorenzana. Este investimento permitirá atraer talento e proxectos tractores, crear espazos de experimentación, activar innovación e dotar ás empresas de alta tecnoloxía baseada na IA.
- Rueda explicou que a estratexia agarda “incrementar nun 25 % o número de empresas que innovan en Galicia”, cifradas en máis de 1.750 segundo os últimos datos, “e conseguir que o gasto privado neste eido medre ata os 1.500 millóns de euros”. Tamén se aspira a atraer, reter e mobilizar talento cualificado, e impulsar redes de apoio que acompañen ás empresas.
- Antecedentes: a Área de innovación
- A posta en marcha da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia prodúcese tras a creación, en 2024, da Área de Innovación Empresarial no seo da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, co obxectivo de impulsar a innovación como panca esencial da competitividade das empresas.
- O Goberno galego considera que a innovación nas empresas só se consolida cando se traduce en maior produtividade, sustentabilidade, capacidade exportadora e emprego. Por iso, dar máis facilidades de financiamento ás empresas que aposten pola innovación, fomentar a autonomía tecnolóxica, pór a disposicións instrumentos públicos e redes de apoio que acompañen ás empresas ou atraer e mobilizar talento son algúns dos eixos de actuación da estratexia cuxo borrador deberá estar listo no primeiro trimestre de 2026.
- Catro eixes: retos, estruturación, financiamento e transversalidade
- A Estratexia desenvolverase a través de catro grandes eixes: Retos empresa innovadora, Estruturación, Financiamento e Transversalidade, que prevén incorporar diferentes modalidades de apoios. No primeiro deles destacan a activación de dous programas: Industria Innova e IA360. Rueda salientou que o Consello acordou hoxe destinar “40 millóns de euros” a estas dúas liñas de axudas para “impulsar proxectos de investigación industrial ou implantar ferramentas de intelixencia artificial”.
- Industria Innova, dotada con 30 millóns de euros, está destinada a apoiar proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en procesos e organización nas empresas galegas, mentres que IA360 (10 millóns de euros) porá o foco na industria con prioridade nos proxectos vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia e contará con dúas tipoloxías de axuda. A primeira, para o desenvolvemento de tecnoloxías baseadas en IA; a segunda, para proxectos de implantación e aplicación de servizos e solucións comerciais baseadas nesta tecnoloxía.
- No ano 2024, o gasto en innovación empresarial na comunidade galega acadou os 1.073,6 millóns de euros, rexistrando unha taxa anual do 30,4 % coa que supera en 17 puntos ao Estado (13 %). Tal e como explicou a conselleira, Galicia “é a cuarta comunidade onde máis aumentou o investimento”. Estes datos dan boa conta do esforzo que Galicia está a facer para incorporar a innovación como panca de crecemento en todas as áreas e procesos produtivos.
- Tras a aprobación do inicio da tramitación da Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 no Consello celebrado hoxe, está previsto desenvolver un calendario de reunións que inclúe xuntanzas co Diálogo Social e a constitución dunha Mesa Empresa Innovación, así como a recollida de achegas de entidades e axentes do ámbito da innovación.
Categoría:

