Martina Aneiros ratifica o apoio da Xunta as empresas a través das axudas IA360 para a innovación empresarial dotadas de 10 M€

xoves, 5 Marzo, 2026 - 18:00
  • Este programa do Igape ten por obxecto potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento e a aplicación da intelixencia artificial no tecido industrial galego e a súa cadea de valor
  • O prazo para esta convocatoria dirixida a pemes e grandes empresas continúa aberto ata o 16 de marzo

Ferrol, 5 de marzo de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, ratificou esta mañá o apoio do Goberno galego ás empresas galegas a través da nova convocatoria de axudas IA360 para a innovación empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que está dotada de 10 M€ e cuxo prazo de solicitude remata o 16 de marzo. A responsable autonómica informou destes apoios durante a visita efectuada esta mañá á empresa STGO, beneficiaria dunha axuda de 127.000 € no marco deste programa na súa pasada edición, que deixou en Ferrolterra un total de case 610.000 € en achegas a 6 empresas.

Durante a visita, Aneiros lembrou que o obxectivo das axudas é o de potenciar a innovación empresarial a través do desenvolvemento e a aplicación da intelixencia artificial (IA) no tecido industrial galego e a súa cadea de valor, financiando actividades integradas en proxectos desta índole. Ademais apuntou que, con estas achegas, as empresas poderán costear custos de persoal, de material e de subcontratación, entre outros.

Esta convocatoria, dotada de 10 M€ ata 2027, está dirixida a pemes e grandes empresas galegas, así como ás que teñen un centro de traballo permanente constituído na comunidade. As axudas están distribuídas en dos liñas cun orzamento de 5 M€ cada unha. A liña A contempla a financiación de actividades de desenvolvemento de produtos ou servizos baseados na IA para a mellora de procesos industriais e a comercialización de novos produtos. Esta ten un importe mínimo subvencionable de 150.000€. A liña B, por outra banda, está adicada á adquisición e implantación de solucións baseadas na intelixencia artificial para a mellora da produtividade empresarial, e conta cun mínimo subvencionable de 30.000€.

A delegada territorial valorou o proxecto posto en marcha por STGO centrado no uso de robots cuadrúpedos en entornos industriais. Con este proxecto a empresa traballa diferentes obxectivos, como a xestión de datos , a eficiencia operativa e ata a seguridade laboral, reducindo a exposición física do persoal técnico a áreas de risco.

Categoría: