Lorenzana resalta o compromiso da Xunta co emprendemento innovador e o impulso ás startups

mércores, 8 Maio, 2024 - 14:15
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou en Vigo na entrega dos Premios Emprende XXI, organizados por Caixabank e Enisa
  • Lembra que o Igape conta cun programa dotado con 1,5 millóns de euros para apoiar os emprendedores galegos no lanzamento e consolidación das súas startups
  • Tamén se vén de ampliar a rede de aceleradoras coa posta en marcha da nova Business Factory Climatech, que permite o impulso de proxectos empresariais no sector de solucións ambientais e economía circular

Vigo, 8 de maio de 2024.- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe no acto de entrega do Premio Emprende XXI en Galicia, organizado por Caixabank e Enisa, onde recoñeceu e felicitou a todas as empresas finalistas, así como á gañadora, que, tal e como subliñou, son exemplos do nivel excepcional de innovación e dedicación presentes no tecido empresarial galego.Na súa intervención, a responsable de Economía e Industria resaltou o compromiso da Xunta co impulso do emprendemento e a innovación, creando un entorno favorable para o crecemento das startups en Galicia. Así, proporciónanse recursos, financiamento e oportunidades de crecemento. Neste eido, está aberta ata o 30 de setembro unha liña de axudas dotada con 1,5 millóns de euros para subvencionar os gastos e investimentos nos que incorran os emprendedores no lanzamento e consolidación das súas startups.Esta aposta tamén se reflicte na recente ampliación da rede de aceleradoras, coa incorporación de Climatech, a máis recente business factory, que permite o impulso de proxectos empresariais no sector de solucións ambientais e economía circular, respaldando así a sustentabilidade ambiental do tecido produtivo galego.Esta nova iniciativa súmase a unha rede de aceleradoras xa consolidada, especializada en sectores clave, e da que forman parte as business factories BFAuto, BFAero, BFFood e BFMedicines. A estas súmanse outras iniciativas como ViaGalicia, Galicia Avanza ou Turislab, que contribúen ao fomento do emprendemento e da innovación en diversos ámbitos.

Categoría: