Lorenzana afirma que la tecnología y la innovación son clave para que las empresas sean competitivas

venres, 7 Novembro, 2025 - 18:00

Asegura que a intelixencia artificial nunca vai substituír a intelixencia humana e “sempre será preciso delimitar onde é necesaria a persoa e onde é necesaria a máquina”  

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, recoñeceu hoxe que o papel económico que ten a tecnoloxía é ilimitado, e que calquera proxecto que non incorpore a dixitalización nos seus procesos está condenado ao fracaso.

Así se pronunciou hoxe durante a súa intervención na inauguración do III Seminario Iglesia-Empresarios:
Ética e IA. A IA cambia ou transcende á persoa?, onde asegurou que a intelixencia artificial nunca vai substituír a intelixencia humana e “sempre será preciso delimitar onde é necesaria a persoa e onde é necesaria a máquina”.

“A tecnoloxía é un instrumento que ten unha finalidade e nunca podemos perder de vista que está sempre ao noso servizo, non estamos nós ao servizo da tecnoloxía”, subliñou, para sinalar que o principal reto está en humanizala, no sentido de que dea prioridade ás necesidades, ao benestar e aos valores humanos.

Lorenzana apuntou que, hoxe en día, o progreso non se pode desligar da tecnoloxía. “Os datos revolucionaron a nosa forma de traballar, de relacionarnos e ata de divertirnos. Convertéronse nun activo. Xa non son un simple subproduto da actividade dixital, senón a materia prima coa que se crean novos servizos, mellóranse os procesos ou se innova nos modelos de negocio”, asegurou.

Segundo dixo, a tecnoloxía e a innovación son clave para que a empresa poida seguir mantendo a súa competitividade e gañar tamaño. Ao igual que tamén o son para a transición verde, a electrificación e a descarbonización, porque permiten optimizar recursos, diminuír consumos e reducir a pegada ambiental da industria.

Neste contexto, indicou, finalmente, que a Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), está a desenvolver por primeira vez dúas liñas de apoio que axudan ás pemes a avanzar en madurez dixital, a reforzar os seus sistemas de ciberseguridade e a incorporar a intelixencia artificial no seu día a día para ser competitivas.

Son o programa IA360, a primeira convocatoria de axudas en Galicia deseñada para introducir a intelixencia artificial nas empresas, e a liña de axudas Empresa Cibersegura (aberta ata o 10 de decembro), para facilitar que adopten solucións de protección fronte a ciberataques e brechas de privacidade.

Categoría: