Lorenzana adianta que a Xunta aprobará este mesmo ano a primeira Estratexia de innovación empresarial de Galicia, que mobilizará máis de 400 M€

venres, 10 Xullo, 2026 - 21:45
  • Apunta que se busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria e que a I+G+i transforme realmente a empresa galega
  • Nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; as que están fóra poñan a vista nese territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, di
  • Destaca a importancia de que as administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo
  • Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta aprobará este mesmo ano a que será a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que vai mobilizar 400 millóns de euros e busca “consolidar un modelo de crecemento para toda a economía galega”.
  • Lorenzana interveu hoxe no II Foro de Innovación e Emprendemento organizado pola APD, onde apuntou que esta estratexia busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria. “Que a I+G+i transforme realmente a empresa galega; que esa fórmula dea como resultado novos proxectos empresariais que permanezan no tempo e axuden a transformar a economía”.
  • Segundo dixo, nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; as que están fóra poñan a vista no noso territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, abondou.
  • “Temos claro que a empresa en Galicia ten que gañar tamaño e necesita, polo tanto, de todas as ferramentas innovadoras posibles”, asegurou, e resaltou: “Necesitamos que incorporen a intelixencia artificial, tecnoloxías avanzadas, que a transferencia de coñecemento sexa cada vez máis rápida e que con iso as startups atopen aquí máis oportunidades de colaborar coa industria”.
  • Lorenzana puxo en valor os datos do Informe Empresas Tech Galicia 2026, que confirma que Galicia conta xa con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras, que xeran máis de 5.700 empregos cualificados e unha facturación próxima aos 550 millóns de euros. Nesta liña, agradeceu o traballo de toda a rede de aceleradoras que a Xunta ten en marca e das moitas entidades que colaboran co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no seu desenvolvemento.
  • “O éxito dun ecosistema innovador non se mide unicamente polo número de startups que crea; mídese pola súa capacidade para transformar o conxunto da economía”, reiterou, para concluír destacando a importancia de que as administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo.
Categoría: