xoves, 12 Novembro, 2026 - 18:45
- A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na clausura das IX Xornadas de Rehabilitación e na entrega dos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira, onde subliñou o talento e a capacidade innovadora das empresas galegas
- Salienta que as principais actividades da cadea forestal-madeira facturaron preto de 2.500 millóns de euros en 2025 e subliña as oportunidades que ofrecen a construción sostible, a rehabilitación e o deseño
- Destaca o apoio da Xunta á internacionalización do sector Contract e o papel dos clústeres para fomentar a colaboración empresarial e abrir novos mercados
- Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026
- A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o potencial da innovación, o deseño e a colaboración empresarial para seguir impulsando a competitividade do sector da madeira en Galicia, unha industria estratéxica que combina tradición, capacidade produtiva e novas oportunidades de crecemento.
- Así o sinalou durante a clausura das IX Xornadas de Rehabilitación e a entrega dos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira, organizados polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia na Cidade da Cultura, unha iniciativa que conta co apoio do Igape.
- Durante a súa intervención, Toca Carús puxo en valor a fortaleza da cadea forestal-madeira galega, cuxas principais actividades alcanzaron unha facturación próxima aos 2.500 millóns de euros en 2025. Neste sentido, destacou a importancia de aproveitar os recursos naturais, o coñecemento e a capacidade industrial de Galicia para desenvolver novos produtos, incorporar tecnoloxía e xerar maior valor engadido.
- A directora vinculou este obxectivo coa nova Estratexia Galega de Innovación Empresarial, orientada a facilitar que cada vez máis empresas transformen o coñecemento e as novas ideas en actividade económica e emprego. Así mesmo, salientou o crecente protagonismo da madeira na construción sostible, na rehabilitación e no deseño.
- Internacionalización e colaboración empresarial
- Covadonga Toca fixo especial referencia ao sector Contract como exemplo da capacidade das empresas galegas para combinar industria, deseño e innovación e competir nos mercados internacionais. Neste ámbito, lembrou o apoio que o Igape vén prestando á internacionalización das empresas, facilitando contactos comerciais e novas oportunidades de negocio.
- A directora tamén destacou o papel dos clústeres como instrumentos para favorecer a cooperación, compartir coñecemento e impulsar proxectos conxuntos, recoñecendo especialmente o traballo desenvolvido polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia para reforzar a competitividade do sector.
- Finalmente, felicitou ás empresas e profesionais participantes nos II Premios CMD de Arquitectura en Madeira, que reuniron preto dun cento de candidaturas en cinco categorías, unha mostra do talento e da capacidade creativa existente en Galicia. Así, reafirmou o compromiso da Xunta de seguir acompañando as empresas para converter a innovación e as novas ideas en proxectos reais que xeren riqueza e emprego na comunidade.
Categoría:

