A Xunta destaca en Vigo o papel do emprendemento innovador como motor de crecemento económico en Galicia

mércores, 25 Marzo, 2026 - 20:00
  • A directora de XesGalicia, Raquel Rodríguez, participa na inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, onde pon en valor o ecosistema galego de apoio ás startups e á innovación empresarial
  • Galicia consolida unha estratexia pública de apoio ao emprendemento innovador, baseada en financiamento, acompañamento e internacionalización, e reforza un modelo colaborativo que conecta talento, empresas e oportunidades de crecemento
  • Vigo, 25 de marzo de 2026
  • A Xunta de Galicia reafirmou hoxe en Vigo o seu compromiso co impulso do emprendemento innovador como unha das principais palancas de transformación económica, no marco da inauguración da 19ª edición dos Premios EmprendeXXI, celebrada no Museo de Arte Contemporánea. No acto participou a directora xeral de XesGalicia, Raquel Rodríguez, quen destacou a evolución do tecido emprendedor galego nos últimos anos e o seu crecente impacto no desenvolvemento económico da comunidade.
  • Durante a súa intervención, Rodríguez subliñou que Galicia conta xa cun ecosistema emprendedor “que está funcionando”, froito dunha estratexia sostida no tempo impulsada pola Xunta a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape. Neste sentido, puxo en valor a existencia de instrumentos de apoio que acompañan ás empresas desde as súas fases iniciais ata a súa consolidación no mercado, combinando financiamento, programas de aceleración, internacionalización e colaboración empresarial .
  • A directora de XesGalicia incidiu tamén no papel que desempeña esta entidade pública dentro deste ecosistema, actuando como socio financeiro nos momentos clave de crecemento das empresas. Así, destacou que, máis alá do investimento, XesGalicia achega “acompañamento, confianza e visión a longo prazo”, contribuíndo a que os proxectos empresariais poidan consolidarse e escalar con garantías .
  • Finalmente, Rodríguez resaltou o talento dos proxectos finalistas desta edición, sinalando que representan “un reflexo moi potente do momento que vive Galicia”, cun tecido empresarial innovador, diversificado e con vocación internacional. Ademais, destacou a importancia de iniciativas como os Premios EmprendeXXI —impulsados por CaixaBank e Enisa— para recoñecer, visibilizar e impulsar o talento emprendedor, xerando referentes e fortalecendo o ecosistema empresarial galego.
Categoría: