A Xunta concede 4 millóns de euros para impulsar tres novos centros avanzados de uso compartido para empresas en Galicia

martes, 23 Decembro, 2025 - 18:45
  • A conselleira lembra que o obxectivo do programa é xerar cadeas de valor e conectar empresas tractoras con outras de menor tamaño que se poidan beneficiar de recursos de alto valor engadido
  • O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria deste ano, na que se concederon axudas a tres firmas que recibirán ata o 60 % do investimento previsto
  • A Coruña, 23 de decembro de 2025
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá  “o importante esforzo que está a facer a industria galega para innovar e posicionarse como empresas modernas e tecnoloxicamente avanzadas”. “Un traballo que conta co apoio da Xunta para potenciar un sector que en Galicia é moi potente e que vai permitir aumentar a competitividade do noso tecido empresarial”, insistiu.
  • A conselleira visitou hoxe no Centro de servizos avanzados da Cidade das TIC na Coruña, unha das tres empresas beneficiarias do Programa Infraestructuras estratéxicas abertas, que impulsa o Igape e cuxa resolución sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. Trátase de Orange Espagne, S.A.U. (Grupo MasOrange), responsable do Proxecto AI4B: Intelixencia artificial para empresas, que recibirá unha achega de 1,3 millóns de euros para poñer en marcha unha plataforma de intelixencia artificial dirixida ao mercado B2B.
  • Lorenzana lembrou que esta orde de axudas está dirixida a grandes empresas galegas para que fomenten un ecosistema produtivo máis moderno, colaborativo e competitivo do que se poidan beneficiar pemes e emprendedores “que son quen ten maior dificultade para incorporar esa innovación nos seus procesos produtivos, nos seus produtos, na súa organización e tamén nos seus servizos”, indicou ao tempo que destacou a proposta de Orange ao combinar dous elementos esenciais: o acompañamento ás empresas tecnolóxicas para que poidan desenvolver solucións innovadoras e a posta a disposición do empresariado galego destes produtos punteiros.
  • María Jesús Lorenzana subliñou o traballo que tanto o tecido empresarial como as administracións están a realizar no reto de avanzar na innovación industrial. Un esforzo que se traduce en cifras “tal e como estamos vendo en Galicia, que segundo datos do INE, disparou o seu gasto en innovación empresarial un 30 %, ata os 1.073 M€, o que nos sitúa como unha das comunidades con maior crecemento”. Lorenzana tamén se referiu ao incremento no peso que a Comunidade galega ten no investimento en innovación en España “no que alcanzamos xa o 4,6 % do total nacional”.
  • Ademais de Orange Espagne S.A.U. resultaron beneficiarias da convocatoria deste ano as firmas Alén Space e o Real Club Celta de Vigo. En total, o Goberno galego concederá preto de 4 millóns de euros para impulsar a posta en marcha de tres novos centros avanzados de uso compartido e aberto en Galicia.
Categoría: