A Xunta asina un acordo de colaboración coa Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo para impulsar o crecemento do sector en Galicia

Wednesday, May 14, 2025 - 18:15
  • Prestará apoio á Xunta á hora de promocionar as empresas galegas nos mercados internacionais, identificar instrumentos de apoio, en programas formativos e para a coordinación de estudos de mercado e estatísticas
  • Lorenzana apunta que este acordo está aliñado cos obxectivos da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa, que prevé mobilizar máis de 900 M€ de cara ao 2030
  • Avanza que se creará unha unidade especializada na Oficina Económica de Galicia que traballará con TEDAE, unha asociación moi importante porque integra máis dun cento de industrias tecnolóxicas españolas con presenza nestes tres eidos de actividade
  • Madrid, 14 de maio de 2025
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a Feira Internacional de Defensa e Seguridade de España, onde asinou un memorándum de entendemento coa Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE) para promover o crecemento das empresas que en Galicia traballan neste ámbito.
  • En concreto, o acordo recolle que TEDAE colaborará coa Xunta para promocionar as empresas galegas nos mercados internacionais e en misións comerciais; para identificar os instrumentos de apoio máis eficaces en cada momento; para desenvolver programas formativos con entidades de referencia en Galicia; e, tamén, para a coordinación de estudos de mercado e estatísticas.
  • Lorenzana puxo en valor este acordo “para iniciar a execución” da nova Estratexia Galega do Aeroespazo, a Seguridade e a Defensa, aprobada esta mesma semana no Consello da Xunta. Unha estratexia, dixo, que busca impulsar o sector aeroespacial ligado á defensa e á seguridade, e atraer cara a este segmento de actividade empresas de sectores estratéxicos en Galicia como son a automoción, o naval, o metalmecánico ou as TIC.
  • Para iso, a Xunta contempla un investimento de 183 M€ e prevé chegar a mobilizar máis de 900 M€ de cara ao 2030 con tres eixes de actuación. O primeiro, crear un ecosistema empresarial no cal compañías tractoras colaboren con outras de menor tamaño e as axuden a entrar no sector, a través da Compra Pública Precomercial, acordos de asociación ou creando consorcios (84 M€).
  • Tamén se prevén axudas para a incorporación ou consolidación de empresas que xa operan no sector (innovación, exportacións,...), tendo en conta que hai actualmente 140 xa dedicadas ao sector e unhas 150 en Galicia con potencial para dar o salto (34 M€). E, finalmente, a estratexia contempla un eixe de apoios para investimentos en tecnoloxías duais (65 M€), cun fondo específico de Xesgalicia de 40 M€. O obxectivo é sumar 20 novas empresas neste eido, máis de 500 novos empregos e acadar incrementos nas vendas de máis do 50 %.
  • Segundo avanzou, no marco desta estratexia crearase unha unidade especializada na Oficina Económica de Galicia que traballará con TEDAE, unha asociación moi importante porque integra máis dun cento de industrias tecnolóxicas españolas con presenza nestes tres eidos de actividade.
  • A Feira Internacional de Defensa e Seguridade de España
  • A Feira Internacional de Defensa e Seguridade de España (FEINDEF 2025) conta con 601 expositores -dos cales 187 son internacionais-, con 57 países representados e máis dun cento de medios de comunicación acreditados nunha feira que se celebrou durante estes días, do 12 ao 14 de maio, en Ifema, Madrid.
  • Galicia ten nela unha importante representación, coa presenza de máis dunha vintena de empresas e centros tecnolóxicos dos sectores aeroespacial, da defensa e da seguridade, do naval, do metal, da automoción ou das TIC.
  • Navantia, Gauzón Ibérica, Detegasa, Grupo Gabadi, Industrias Ferri, Ghenova, Aister, Mecanizados Alfaro, Bibus, Promega, Lupeon da industria do naval e metal; Centum e Leonardo (matriz de Telespazio), da aeroespacial; Maxwell, Egatel, Norispan do eido das TIC; Urovesa, Marine Instruments, Sagres/Partenón, da seguridade e da defensa; Synnect, da automoción; así como os centros de coñecemento ITG e Gradiant e a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas (ASIME) exhiben as súas capacidades neste evento de referencia internacional.
Category: