A Xunta mantén activado o programa Galicia Emprende, dotado con 5M€, para crear e desenvolver novas empresas

Jueves, 12 Octubre, 2017 - 11:00

Ata o día 30 do próximo mes de novembro poderán presentarse solicitudes para a creación de novas empresas ou para o desenvolvemento e consolidación de compañías cunha antigüidade máxima de 42 meses

O Galicia Emprende regula apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou a consolidación temperá de compañías impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego

O programa posibilitará este ano a mobilización de investimentos por máis de 14 millóns de euros e a creación ou o mantemento de 500 empregos

O programa aumenta a súa dotación deste ano nun 35% e compleméntase coa primeira edición do Galicia Rural Emprende, o que supón duplicar as axudas directas a proxectos de emprendemento con respecto ao pasado ano

Ata o próximo 30 de novembro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes ao programa Galicia Emprende, dotado con 5 millóns de euros, para apoiar a creación e a consolidación de novas empresas por emprendedores, autónomos e pemes. Deste xeito, prevese mobilizar 14 millóns de euros en investimentos, así como a creación ou o mantemento de arredor de 500 empregos.

O programa Galicia Emprende apoia proxectos de investimento comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas que poden cubrir o 35% no caso das pequenas empresas e o 25% para medianas, priorizando en todo caso o emprendemento industrial e apoiando proxectos para a posta en marcha ou consolidación temperá de empresas cunha antigüidade máxima de 42 meses, ao tempo que contribúe a xerar emprego de calidade.

Este ano, a Xunta incrementa un 35%, ata os 5 millóns de euros, a dotación para a vixente convocatoria do programa Galicia Emprende, co que se prevé apoiar 160 novas empresas mediante axudas directas de ata 175.000 euros. O Programa Galicia Emprende compleméntase coa primeira edición do Galicia Rural Emprende, especialmente deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no ámbito rural. Este programa facilitou este ano a concesión de 2,4 millóns de euros en axudas aos 44 proxectos de autónomos e emprendedores aprobados, que mobilizan máis de 5 millóns de euros en investimentos. Así, a través de ambos programas, duplícase o orzamento das convocatorias de axudas directas do Igape para proxectos de emprendemento con respecto ao ano pasado.

A través do Galicia Emprende no 2016 concedéronse apoios a un total de 81 proxectos empresariais, sumando investimentos por case 7 millóns de euros e a creación ou mantemento de 235 postos de traballo. Os programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende compleméntanse coas diferentes ferramentas de financiamento do programa Galicia 1000, entre as que se inclúen liñas de préstamos e microcréditos con xuros bonificados, os préstamos directos ou participativos a través de Xesgalicia, e os instrumentos financeiros innovadoras (IFI) que se activarán en próximas datas.

Categoría: