Nove proxectos emprendedores galegos buscan investidor nunha nova edición do foro Galicia Emprende

Miércoles, 22 Junio, 2016 - 13:45
  • O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou en Santiago neste encontro no que as empresas presentan as súas iniciativas a un centenar de potenciais investidores
  • Sinala que o pulo emprendedor de Galicia levou a crear máis de 2.000 empresas no que vai de ano, un 15,2% máis que en 2015
  • Apunta que a Xunta está a acompañar aos emprendedores suprimindo barreiras administrativas, poñendo en marcha aceleradoras para canalizar o talento e a través do financiamento de Xesgalicia e Igape
  • Na pasada edición do foro, das 10 iniciativas seleccionadas para presentar os seus proxectos, un 80% atopou inversores

Santiago, 22 de xuño de 2016.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago no II Foro de Investimento Galicia Emprende, un punto de encontro no que se presentaron 9 proxectos de emprendedores que foron seleccionados por Xesgalicia e que buscan a colaboración de inversores privados para contar co financiamento necesario para a súa posta en marcha.

Conde destacou que a celebración da segunda edición deste Foro demostra a capacidade que ten Galicia para crear o seu propio ecosistema de innovación, favorecendo deste xeito a cultura emprendedora. Durante a xornada e ante un centenar de potenciais investidores, presentáronse 9 iniciativas que se caracterizan pola súa capacidade innovadora, a súa viabilidade e as súas posibilidades para espertar o interese de inversores privados e das principais entidades financeiras que operan na comunidade (Abanca, Santander, BBVA, Sabadell Galego, Banco Pastor, laCaixa e Caixa Rural Galega). Neste sentido, Xesgalicia alcanzou un acordo de colaboración con estas entidades e coas sociedades de garantía recíproca (Afigal e Sogarpo) para apoiar proxectos emprendedores que ofrezan un alto potencial de crecemento.

Aplicacións para dispositivos móbiles que permiten localizar a persoas perdidas en zonas sen cobertura; equipos de domótica e seguridade; implantes para o sector veterinario empregando novas tecnoloxías; ou a monitorización en tempo real para coñecer a evolución dos viñedos foron algunhas das propostas presentadas polas 9 empresas: Centum Research & Technology, Creappcuentos, Domotecnología e Seguridade, Grupo Tecnolóxico Arbinova, Inercial Performance, Lupeón, Monet Tecnoloxía e Innovación, Software 4 Science and Developments, e Vms Automotive.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que o pulo emprendedor de Galicia permitiu a creación, no que vai de ano, de máis de 2.000 empresas, un 15,2% máis que no mesmo período de 2015. De feito, este dato ratifica as conclusións do balance de 2015 da Asociación Española de Capital de Crecemento e Investimento (Ascri), que destaca a Galicia como unha das comunidades máis dinámicas no apoio ás iniciativas de emprendemento, ocupando o terceiro posto por comunidades co maior número de proxectos nos que se investiu, cun crecemento do 143%.

Francisco Conde tamén subliñou que, ademais do Foro de Investimento Galicia Emprende, a Xunta dispón doutras ferramentas para fomentar o emprendemento e a innovación e acompañar aos emprendedores para que todos os proxectos viables conten co financiamento preciso.

Entre estas iniciativas autonómicas, destacou a Unidade Galicia Emprende, que xa permitiu a creación de máis de 200 empresas; a plataforma Doing Business, creada para suprimir barreiras administrativas; a Rede Galega de Business Angels, que a través de 150 titores ten mentorizado a 170 persoas; e a rede de aceleradoras de emprendemento para captar e canalizar o talento, como Galicia Open Future en Santiago; Vía Galicia en Lugo e Vigo; Bussines Factory Auto, dirixida ao sector da automoción e que empezará a funcionar en xullo; ou as 6 novas aceleradoras de empresas que se poñen en marcha en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI) e que beneficiarán a 1.500 emprendedores de toda Galicia.

Neste sentido, a través de Xesgalicia e do Igape, a Xunta tamén dispón de instrumentos de capital risco para apoiar investimentos empresarias, como os Fondos Xes Innova e I2C, para a consolidación e o crecemento de novos proxectos; ou como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, que nos últimos dous anos permitiu a creación de 33 empresas, mobilizando 4 millóns de euros en investimentos.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou a utilidade deste Foro, que xa na súa primeira edición logrou que, dos 10 proxectos presentados, o 80% atoparan inversores para as súas propostas. Deste xeito, este encontro contribúe a afianzar aos emprendedores galegos como referentes na aplicación de ferramentas innovadoras en eidos como o sector TIC, as enerxías renovables e a biomedicina; favorece o contacto directo entre emprendedores e inversores, consolidando a rede de investidores privados; concede estabilidade e credibilidade financeira ás novas empresas; e, por tanto, facilita a internacionalización e a innovación desde Galicia.

 

Categoría: