A Xunta inclúe no II Foro de Investimento Galicia Emprende entidades financeiras para que apoien proxectos innovadores

Martes, 21 Junio, 2016 - 11:45
  • No encontro que se celebra mañá en Santiago se presentan 9 propostas seleccionadas por Xesgalicia que fomentan a innovación e amosan un elevado potencial de crecemento
  • As entidades estudarán as operacións de financiamento que soliciten os emprendedores para iniciativas de diferentes eidos, como software para tecnoloxías da información e as telecomunicacións ou implantes para o sector veterinario

Santiago, 21 de xuño de 2016.- A Xunta colabora na segunda edición do Foro de Investimento Galicia Emprende, que se celebra mañá mércores en Santiago e que contará coa participación de 9 proxectos innovadores. Nesta ocasión, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de Xesgalicia, inclúe as entidades financeiras para que asistan a este encontro e avalíen a posibilidade de apoiar as propostas que se presentan.

Xesgalicia alcanzou acordos de colaboración coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, entre as que figuran Abanca, BBVA, Banco Pastor, Santander, Sabadell Galego, La Caixa e Caixa Rural Galega, e coas sociedades de garantía recíproca (Afigal e Sogarpo) para apoiar os proxectos emprendedores con alto potencial de crecemento e que apostan pola innovación e as tecnoloxías emerxentes. Deste xeito, participarán no II Foro de Investimento Galicia Emprende, no que mañá, no Hotel AC Palacio del Carmen, se presentarán 9 proxectos previamente seleccionados polo seu alto contido innovador e o seu potencial de crecemento.

Deste xeito, os representantes das entidades financeiras poderán asistir xunto a outros investidores privados á exposición dos proxectos por parte das empresas, que foron seleccionados por Xesgalicia baseándose en diferentes criterios, como que sexa unha proposta innovadora e viable, a idoneidade do equipo xestor ou que reúna o suficiente interese para os investidores. As entidades estudarán as operacións de financiamento que soliciten as empresas para proxectos en fase de crecemento e expansión, proxectos sementes ou aqueles que conten coa participación dos investidores privados incluídos na Rede Galega de Bussines Angels.

Tecnoloxía

Os nove proxectos que se presentan neste encontro, que conta coa participación do Igape, abarcan temáticas diferentes, como a creación de implantes para o sector veterinario ou software para tecnoloxías da información e as telecomunicacións. Os responsables das propostas exporán o plan de negocio e as necesidades financeiras, respondendo as dúbidas que lle poidan expor. Estas empresas foron seleccionadas despois de recibir a través de Xesgalicia un programa de formación e titorización a medida. O Foro de Investimento Galicia Emprende conta xa co éxito obtido na primeira edición, celebrada en decembro de 2014, ao que asistiron máis de 100 persoas e ao que se presentaron 10 proxectos.

Lei de emprendemento

Esta actividade enmárcase na Lei de apoio aos emprendedores e a competitividade económica de Galicia de 2013, que permitiu consolidar un ecosistema innovador na comunidade ligado aos sectores produtivos con maior potencial de crecemento: a biotecnoloxía e a bioeconomía, en combinación co sector TIC. Pero tamén contribuíu a darlle un impulso a outros sectores produtivos tradicionais en Galicia, como a automoción ou a madeira.

Xesgalicia destina os seus fondos fundamentalmente a promover o crecemento e o investimento das empresas, fomentar o emprendemento, e impulsar a innovación e a internacionalización. Na actualidade xestiona unha carteira de 160 empresas, por valor de 215 millóns de euros.

Categoría: