A Xunta apoia a través de Xesgalicia a creación de 33 empresas mediante o fondo Galicia iniciativas emprendedoras

Viernes, 3 Junio, 2016 - 14:15
  • O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, resalta o respaldo do Goberno galego ás pequenas compañías durante o I Congreso de Microempresa en Galicia
  • Subliña que o esforzo investidor do capital risco público galego porá o foco sobre as iniciativas innovadoras capaces de mellorar a competitividade e xerar empregos de calidade 
  • Máis da metade das iniciativas apoiadas no eido emprendedor corresponden a proxectos da provincia de Pontevedra

 

Pontevedra, 3 de xuño de 2016.- O director de Xesgalicia, Juan Cividanes, salientou hoxe que a entidade xa ten apoiado a creación de 33 novas empresas mediante o fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras (GIE), mobilizando 4 millóns de euros en investimentos. Durante a súa intervención no I Congreso de Microempresa en Galicia, Cividanes apuntou que máis da metade destes proxectos se localizan na provincia pontevedresa, amosando a dinamización do ecosistema emprendedor da zona.

Cividanes destacou que o fondo está dotado con 5 millóns de euros, achegando entre o 35% e o 45% do custo dos proxectos, ata un máximo 150.000 euros. Os beneficiarios son empresas con menos de 18 meses de antigüidade, o que contribúe a mobilizar os recursos financeiros para o nacemento de novas empresas.

Xesgalicia conta cun volume de 45 millóns de euros para investir durante o período 2016-2018, que pon a disposición das empresas galegas para financiar proxectos intensivos en capital humano ou novos proxectos nados de aceleradoras e cunha elevada aposta pola innovación. Cividanes subliñou que os fondos de Xesgalicia destínanse a financiar o desenvolvemento empresarial mediante participacións temporais e minoritarias de empresas non financeiras cuxos valores non coticen no primeiro mercado da bolsa de valores. 

Neste sentido, apuntou que a presenza de Xesgalicia achega “estabilidade e credibilidade” financeira ás empresas, ademais de facilitar a entrada de novos socios, promover a colaboración con outras empresas e “incrementar a profesionalización da xestión interna” das sociedades. Segundo explicou, os fondos destínanse fundamentalmente a promover o crecemento e o investimento das empresas, fomentar o emprendemento, e impulsar a innovación e a internacionalización. 

Lei do Emprendemento

Cividanes apuntou que o fondo GIE creouse no marco da Lei do Emprendemento, que tamén permitiu a creación da Rede Galega de Bussines Angels co obxectivo de facilitar a confluencia e coordinación de recursos privados e públicos, para que “ningún novo proxecto viable quede sen financiamento”. O director de Xesgalicia explicou que, desde a súa creación en 2014, celebráronse múltiples encontros para promover a incorporación de novos investidores a esta Rede, así como reunións de traballo entre bussines angels e promotores de proxectos. Xunto a esta ferramenta, apuntou que Xesgalicia participa noutras iniciativas do ecosistema innovador en Galicia, como as aceleradoras Galicia Open Future e Vía Galicia

 

Foto da xornada
Categoría: