A Xunta salienta que o novo programa de instrumentos financeiros innovadores impulsa o emprendemento en Galicia

Tuesday, December 12, 2017 - 09:45
  • O director do Igape, Juan Cividanes, subliña no Startup day de ViaGalicia, celebrado en Nigrán, os servizos especializados e instrumentos de financiamento postos a disposición dos emprendedores, con especial atención a proxectos de innovación vinculados á Industria 4.0

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe, durante a apertura do Startup Day correspondente á 5ª edición de ViaGalicia, a constante actualización, por parte da Xunta, da rede de servizos e instrumentos de apoio a novos proxectos empresariais en Galicia, que vén de ser reforzada coa activación do novo programa de Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs), que nace, entre outros obxectivos, con vocación de catalizar tamén financiamento privado cara aos investimentos emprendedores.

Cividanes salientou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria activou o novo programa de IFIs co obxectivo de mobilizar investimentos por máis de 60 millóns de euros no desenvolvemento de máis de 100 proxectos empresariais, especialmente no ámbito do emprendemento innovador da Industria 4.0.

O director do Igape lembrou que a liña específica dos IFIs para impulsar o emprendemento súmase a outros instrumentos como o Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras (FGIE) de XesGalicia, creado no marco da Lei de Emprendemento de Galicia e que participa activamente no financiamento dos proxectos seleccionados no marco de ViaGalicia.

Cividanes salientou que a Xunta ofrecerá o próximo ano axudas a través de novas convocatorias de programas como Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, ao tempo que porá a disposición dos emprendedores servizos especializados de formación e asesoramento, a través de novas convocatorias dos espazos coworking habilitados mediante a colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), co obxectivo de procurar que ningún proxecto viable quede sen desenvolver por non contar coas ferramentas axeitadas para as súas necesidades e peculiaridades.

No Startup Day celebrado hoxe participan 40 equipos seleccionados polo comité técnico do programa, dos que finalmente serán seleccionados os 20 proxectos que pasarán á fase de academia. Entre os proxectos presentados a esta quinta convocatoria destacan os relacionados coas TIC e o sector téxtil-moda, ademais doutros que apostan polos servizos de enxeñería, sector agroalimentario, pesca e turismo.

Os 20 proxectos de negocio finalmente seleccionados recibirán formación, asesoramento especializado, mentoring, coworking e financiamento; de feito poden chegar a obter ata 125.000 euros en préstamos e axudas directas da Xunta de Galicia e Zona Franca.

Startup Day
Category: