A Xunta achega as axudas do programa Galicia emprende aos autónomos e empresarios de Lugo

Thursday, June 15, 2017 - 09:15
  • O Igape colabora nunha xornada técnica organizada por APE Galicia que se desenvolverá mañá na sede da Asociación Provincial de Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios
  • O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro da primeira convocatoria deste programa remata o próximo día 20, e irá seguida doutras dúas convocatorias previstas para este ano, que se abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro
  • Mediante esta iniciativa conderanse apoios de ata 175.000 euros para a posta en marcha ou consolidación de novas compañías impulsadas por autónomos e emprendedores, facilitando así a xeración de emprego

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, achegará mañá venres as axudas directas do programa Galicia Emprende aos autónomos e empresarios de Lugo, durante a xornada técnica que se desenvolverá, a partir das 17 horas, na sede da Asociación Provincial Reparación e Venda de Automóbiles e Recambios (APREVAR).

O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro desta primeira convocatoria do programa Galicia Emprende 2017 remata o próximo día 20, e irá seguida doutras dúas convocatorias previstas para este ano, que abrirán o 30 de xuño e o 10 de outubro, respectivamente, para facilitar a preparación e presentación dos proxectos a autónomos e emprendedores.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria ten activo, a través do Igape e cunha dotación de 5 millóns de euros, o programa Galicia Emprende para facilitar a creación e a consolidación de novas empresas por emprendedores, autónomos e pemes.

As axudas, de ata 175.000 euros, permitirán apoiar 160 novas empresas, mobilizando 14 millóns de euros en investimentos e facilitando a posta en marcha ou a consolidación de compañías de ata 42 meses en funcionamento.

Ao abeiro do Galicia Emprende apoiaranse proxectos con investimentos comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas cofinanciadas polo Feder que poden cubrir o 35% do investimento no caso das pequenas empresas e o 25% para medianas compañías, priorizando en todo caso o emprendemento industrial.

A través do Galicia Emprende concedéronse o ano pasado apoios a un total de 81 proxectos empresariais cuns investimentos por case 7 millóns de euros e a creación ou mantemento de 235 postos de traballo.

O programa Galicia Emprende compleméntase coas diferentes ferramentas de financiamento do programa Galicia 1000, entre as que se inclúen liñas de préstamos e microcréditos con xuros bonificados, así como o capital risco de Xesgalicia. Entre os instrumentos para impulsar o emprendemento impulsados pola Xunta cómpre salientar tamén a Rede Galega de Mentores, que facilita asesoramento experto gratuíto, ou a Rede de Aceleradoras de Galicia, que nos últimos catro anos facilitou o desenvolvemento de máis de 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros. 

Category: