A Xunta achega ás empresas de Lugo os instrumentos de apoio aos investimentos e á creación de emprego

Wednesday, May 4, 2016 - 11:00
  • Os directores do Igape e de Xes Galicia, Javier Aguilera e Juan Cividanes, participaron nunha xornada técnica na sede da Confederación de Empresarios de Lugo para detallar o amplo abano de instrumentos da Xunta para facilitar a actividade empresarial e a xeración de postos de traballo
  • Aguilera informou de que o Igape ofrece préstamos directos ou bonificados, así como liñas de axuda para cubrir ata o 35% de investimentos, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de postos de traballo
  • Cividanes, pola súa parte, indicou que os fondos de capital risco e préstamos participativos de Xesgalicia poden atender demandas de financiamento tanto para fases de nacemento como de desenvolvemento das empresas

Lugo, 3 de maio de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, participaron esta mañá nunha xornada técnica con empresarios da comarca da Lugo durante a que achegaron información detallada sobre os diferentes instrumentos de apoio activados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria tanto para facilitar a realización de novos investimentos como para promover a ampliación ou o desenvolvemento de proxectos xa existentes.

O director do Igape salientou que, ao abeiro do programa Galicia 1000, o Igape e Xesgalicia ofrecen un variado catálogo de instrumentos para facilitar a actividade empresarial e a realización de novos investimentos. Instrumentos entre os que destacou o capital risco, os préstamos participativos ou directos e os préstamos bonificados ou avalados para facilitar o acceso a financiamento.

Aguilera recordou que, ademais, o Instituto mantén aberto a novas solicitudes o programa Galicia Inviste, con liñas de subvención que poden cubrir ata o 35% de investimentos, comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de emprego. A finalidade destes programas é tratar de que as pemes conten sempre cos apoios adecuados as súas necesidades de financiamento, tanto en proxectos de investimento e creación de emprego como en iniciativas para acceder a novos mercados exteriores.

O director de Xesgalicia, pola súa banda, lembrou a variedade de instrumentos de capital risco de que dispón esta sociedade da Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar os investimentos empresariais en Galicia, sexa cal sexa a fase de desenvolvemento dos proxectos: arranque e primeiro crecemento, a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; consolidación e crecemento, mediante os Fondos Xes Innova e I2C; diversificación, co apoio de Sodiga ou o Fondo Emprende.

Mediante estes instrumentos, activados no marco dos programas Galicia 1000 e Galicia Inviste e dotados con máis de 100 millóns de euros, a Consellería de Economía, Emprego e Industria procura que ningún proxecto empresarial viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio adecuados ás súas necesidades de financiamento.

Category: